.

O PLANO DE MELLORA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Obxectivos do Plano de Mellora das Bibliotecas Escolares

Axustamento da normativa educativa ás necesidades das Bibliotecas Escolares

...Sobre a dotación de novos centros educativos: mobiliario, ...equipamento informático, fondo documental

Diagnóstico das Bibliotecas Escolares en Galicia

Aplicación do Plano

Condicións para formar parte do Plano

 

 

 



Obxectivos do Plano de Mellora das Bibliotecas Escolares


Igual co Plano de Navarra

1.- Transforma as bibliotecas escolares en modernas mediatecas. Adecuar os espacios á nova situación e aplicar as novas tecnoloxías ó coñecemento de tódalas áreas.

2.- Facilitar a xestión das bibliotecas escolares: catalogación, préstamo, etc. Cun programa informático, normalizado e en formato MARC, que permita o intercambio de información e o catálogo colectivo da futura rede de bibliotecas escolares.

3.- Potenciar a constitución de equipos interdisciplinares de biblioteca que realicen cursos de formación en organización e dinamización, e elaboren un proxecto de mellora que, aprobado polo calustro e o consello escolar, sexa incluido nos proxectos pedagóxicos do centro e no orzamento anual

4.- Crear a rede de bibliotecas escolares coa fin de compartir recursos, coordenar actuacións e intercambiar experiencias.

5.- Concienciar á comunidade educativa: profesorado, equipo directivo, consello escolar, asociacións de pais e nais, etc. do importante papel que xoga a biblioteca escolar, como centro de recursos organizados, no logro da calidade educativa.

6.- Establecer relacións entre a biblioteca escolar e a biblioteca pública.

 

Axustamento da normativa educativa ás necesidades das Bibliotecas Escolares


Modificación de tódolos aspectos lexislativos e normativos que afecten ás bibliotecas escolares para axustalos á nova importancia outorgada por este Plano ás mesmas.

A normativa existente ata o de hoxe é a seguinte:

A Lei 14/1989 do 11 de outubro, de Bibliotecas (DOG do 24-X-89) no seu artigo 12º di:
"1.- As bibliotecas escolares son parte integrante e fundamental das actividades pedagóxicas dos centros docentes.
2.- As Consellerías de Cultura e Deportes e de Educación e Ordenación Universitaria deberán establecer convenios de colaboración a fin de que as bibliotecas dos centros públicos de ensino non universitario poidan ser disfrutadas pola comunidade escolar.
3.- Para estes efectos terase en conta a autonomía de xestión dos Consellos Escolares."

O Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria (DOG do 21-X-996) no seu artigo 75º di:
"O xefe do equipo de actividades complementarias e extraescolares terá, entre outras, as seguintes funcións:
(....) g) Organiza-la utilización da biblioteca do centro."

A Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, afirma que:
"2.1.9 Ó profesorado que non cubra as vintecinco horas lectivas, o director, oído o claustro, poderá asignarlle tarefas relacionadas con:
(...) -Dinamización e potenciación dos recursos didácticos: biblioteca escolar, medios audiovisuais e informáticos, laboratorio, etc."

O Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria (DOG do 9-VIII-1996) afirma
"Artigo 66º O xefe ou xefa do departamento de actividades complementarias e extraescolares terá, entre outras, as seguintes funcións:
(...) h) Organiza-la utilización da biblioteca do instituto".

A Orde do 1 de agosto de 1997 pola que se dictan instruccións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996 polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e se establece a súa organización e funcionamento (DOG do 2-IX-1997) afirma:
"21. O programa anual de actividades complementarias e extraescolares incluirá as relacións secuenciadas e temporalizadas de:
(...) Ademais incluirá:
e) A organización, o funcionamento e o horario da biblioteca do instituto".

"55. Ademais do xefe de departamento, (...), formarán parte do departamento de actividades complementarias e extraescolares, se existe no instituto, o profesorado encargado da biblioteca..."

"Servicio de biblioteca e documentación.
69. En tódolos institutos a dirección deberá designar un profesor, preferentemente de entre os que manifesten o seu interese, que se encargue da xestión da biblioteca e dos recursos documentais. O dito profesor integrarase no departamento de actividades complementarias e extraescolares e desempeñará as seguintes funcións:
a) Asegura-la organización, mantemento e axeitada utilización dos recursos documentais e da biblioteca do centro.
b) Atende-los alumnos que utilicen a biblioteca, coa axuda dos profesores que teñan asignadas horas de atención a ela, facilitándolle-lo acceso ás diferentes fontes de información e orientándoos sobre a súa utilización.
c) Difundir, entre os profesores e os alumnos, información administrativa, pedagóxica e cultural.
d) Colaborar na promoción da lectura como medio de información, entremento e lecer.
e) Recolle-las propostas e trasladalas a dirección de compra de novos materiais e fondos para a biblioteca.
f) Calquera outra que se poida establecer no regulamento de réxime interior do centro."

84. (...) O profesor encargado do servicio de biblioteca e de documentación destinará tódalas horas complementarias, excepto a de reunión de seminario, para tal fin. En consecuencia non se lle asignará ningún grupo de titoría nin horas de garda fóra da biblioteca."

O Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias (DOG 26-I-1999) di:
Artigo 46º Funcións do xefe do equipo de actividades extraescolares e complementarias.
Terá, entre outras, as seguintes funcións:
(...) h) Organiza-la utilización da biblioteca do centro."


Polo tanto deberíanse modificar o seguinte:

Desenvolvemento do apartado 2, do artigo 12º a Lei 14/1989 do 11 de outubro, de Bibliotecas (DOG do 24-X-89)


A Biblioteca Escolar constituirá un Departamento/Equipo polo que non formará parte do de actividades complementarias e extraescolares polo que deberán modificar o Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria (DOG do 21-X-996) no seu artigo 75º letra g), o Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias (DOG 26-I-1999) no seu artigo 46º e do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria (DOG do 9-VIII-1996) na súa letra h) do artigo 66º.


Para garantir un bo servicio cómpre ter asignadas un números de horas axeitado polo que é necesario modificar a Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seu punto 2.1.9 e a Orde do 1 de agosto de 1997 pola que se dictan instruccións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996 polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e se establece a súa organización e funcionamento (DOG do 2-IX-1997) no seu punto 84. En ámbolos dous casos garantirase unha dedicación horaria dun mínimo de 6 horas.


Esta última orde tamén deberá ser modificada no punto 69 non senso de garantir un período de catro anos para o responsable da Biblioteca Escolar (igual que calquera departamento) en en vez de falar dun "profesor, prefentemente de entre os que manifesten o seu interese" como encargado da biblioteca, deberá dicir "un docente de entre os que teña a formación axeitada".


Outros aspectos deberán ser os seguintes: A existencia dun Asesor Técnico Pedagóxico nos Centros de Formación e Recursos para dedicar a tempo completo ó Centro de Documentación e Biblioteca do mesmo. A posibilidade de que os responsables das Biblioteca escolares podan recibir axudas individuais para actividades de formación (modificación da Orde do 29 de febreiro de 20000). Igualmente incluir no catálogo de materias optativas da Secundaria Obrigatoria unha materia sobre Educación Documental (lémbrese que practicamente toda España ten esta materia na oferta da secundaria).


Sobre a dotación de novos centros educativos: mobiliario, equipamento informático, fondo documental

Cando se constrúa un novo centro educativo enviarase pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a dotación necesaria para a posta en marcha da Biblioteca Escolar ó tempo que o centro recibe ós primeiros alumnos e alumnas. Considerase imprescindible a seguinte dotación:

-Mobiliario axeitado para unha biblioteca: andeis abertas con estantes metálicos para facilitar o acceso directo dos usuarios e usuarias; distintos tipos de mesas para os distintos tipos de funcións que atende a B.E. (mesas individuais e mesas colectivas), mesa do responsable, mostrados para atender ós usuarios e usuarias.

-Equipamento informático: para o traballo técnico da biblioteca cómpre un ordenador con impresora láser, para os usuarios e usuarias outro ordenador con impresora de chorro de tinta. Ámbolos dous ordenadores con acceso a Internet (a autonomía na xestión permitirá ós centros aumentar o equipamento informático da biblioteca)

-Sobre a colección inicial das Bibliotecas Escolares consideramos dúas posibilidades, que por orde de preferencia serían:
a) Envío dunha colección inicial pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seleccionar/determinar por unha comisión e que, segundo os criterios internacionais debería ser de 12 volumes por alumno/a.
b) -Dotación expresa dunha partida orzamentaria con destino á constitución do fondo documental inicial da Biblioteca (lémbrese que O MEC, respectando a autonomía na xestión dos centros educativos consignaba unha elevada partida orzamentaria con esta fin)


Diagnóstico das Bibliotecas Escolares en Galicia


Elaboración dunha enquisa ós centros educativos de Galicia para coñecer a situación real das bibliotecas escolares (poden servir de modelo de enquisa a da FESABID-ANABAD de 1996 elaborado para o MEC, as das consellerías de Educación Navarra ou de Andalucía).


Aplicación do Plano

 


Sobre a formación


Considerando imprescindible a formación no concepto de Biblioteca Escolar, en cuestión de Biblioteconomía e Documentación, así como na integración da Biblioteca Escolar nas prácticas educativas dos centros, unha persoa dos centros que se adscriban ó Plano recibirá a formación necesaria tanto no concepto de Biblioteca Escolar, coas súas implicacións, como en aspectos meramente técnicos da xestión e tratamento da información.

Contemplamos dúas posibilidades:
a) Igual co MEC, un curso de 12 horas presencial, e 1 curso a distancia polo que deberíase asinar un convenio co MEC para a distribución e coa conseguinte contratación de titores traducción do seu curso en CD-Rom
b) En Galicia nos cursos 1998-1999 e 1999-2000 uns 150 docentes fixeron os cursos de formación -50 horas- sobre bibliotecas escolares dos Centros de Formación de Recursos, polo que os responsables dos centros solicitantes deberían telos feitos ou ben realizalos no curso de aplicación do plano.


Sobre a dedicación horaria


Será a máxima posible. Dúas opcións:
1.- Como o MEC: en Primaria 6 horas (na confección do seu horario usaranse en primeiro lugar as horas complementarias e logo as lectivas que sexan estrictamente imprescindibles ata acadar as 6 horas de dedicación á Biblioteca) Non obstante AGABEL considera imprescindible aumeentar esta cifra ata as 12 horas semanais. En Secundaria 15 horas semanais (na confección do seu horario usaranse en primeiro lugar as horas complementarias e logo as lectivas que sexan estrictamente imprescindibles ata acadar as 15 horas de dedicación á Biblioteca)
2.- Como o Goberno Vasco: tras a elaboración dun Proxecto de Biblioteca aprobado polo Consello Escolar e a determinación dun responsable do claustro para a súa aplicación a Consellería de Educación concédelle unha Comisión de Servicios para dedicarse exclusivamente a este servicio.


O/A responsable da Biblioteca Escolar


1.- O responsable do Plano no centro será designado polo/a Director/a do centro.
2.- A designación deberá recaer sobre un docente, tendo preferencia os que teñan destino definitivo no centro e posúan a formación axeitada para a función a desempeñar.
3.- O docente responsable da Biblioteca Escolar participará nos cursos de formación que se estime oportunos para a posta en funcionamento do Plano.
4.- A súa duración no cargo será durante 4 anos.

Competencias do/a Responsable da Biblioteca Escolar


1.- Constitución e mantemento dos fondos bibliotecarios.
2.- Xestión centralizada das adquisicións bibliográficas en colaboración cos Coordinadores de Ciclo/Xefes de Departamento en función das necesidades do centro e da biblioteca.
3.- Tratamento técnico dos fondos da biblioteca.
4. Organización dos fondos da biblioteca. Os fondos deberán estar sempre en estanterías abertas de acceso directo.
5.- Organización do servicio de préstamo
6.- Información e orientación bibliográfica.
Organización de actividade de animación á lectura
8.- Deseño e execución do programa de formación no uso de fontes da información de acordo cos docentes do centro.
9.- Cooperación con outras bibliotecas.
10.- Recopilación, organización e difusión de información cultural.
11.- Poderá participar nas xuntanzas da Comisión de Coordenación Pedagóxica sempre que o tema das mesma teña relación coa Biblioteca Escolar ou cando o/a Director/a cconsidere oportuna a súa presencia.
12.- Dependerá organizamente do/a Xefe/a de Estudios.


Sobre o Equipo da Biblioteca


1.- En cada centro constituirase un equipo de apio á Biblioteca Escolar. Este equipo, estará formado por docentes que nos seus horarios figurarán horas complementarias e/ou lectivas de atención á biblioteca.
2.- Este equipo reunirase, polo menos, unha vez ó mes para coordenar actividades, avaliar o rendimento e propór as medidas de mellora que se consideren oportunas.
3.- A súa constitución, composición e distribución de tarefas deberán ser aprobadas polo/a Xefe/a de Estudios, a proposta do Responsable da Biblioteca Escolar.


Equipamento informático


Cada centro participante recibirá o programa a de xestión de Bibliotecas Escolares Abies (asinar convenio co MEC, deberanse traducir os campos da base de datos) do equipamento informático axeitado para a súa aplicación así como para poder conectarse a Internet desde a Biblioteca (Ordenador con impresora láser)


Dotación económica


Cada centro participante recibirá , no primeiro ano da súa participación neste Plano, a cantidade de 3.000.000 de pesetas con destino exclusivo para a Biblioteca. O destino concreto dos cartos será decidido polo responsable da Biblioteca de acordo cos criterios de gastos establecidos xunto co seu Equipo colaborador. A autonomía na xestión dos centro facilita a asignación dunha contía orzamentaria axeitada para que a Biblioteca poida acadar os obxectivos previstos.


Convenio de colaboración con institucións


O MEC asinou convenios de colaboración co Centro Internacional del Libro Infantil y Juvenil da Fundación Germán Sánchez Ruipérez para a elaboración dun listado de documentos seleccionados de tódalas áreas da CDU para facilitar a selección polos responsables das Bibliotecas Escolares.
Asinar convenios coas Deputacións Provinciais para que as súas correspondentes publicacións que teñan un claro contido educativo-formativo sexan enviados ós centros educativos da súa provincia.
Asinar convenios con outras entidades que poidan colaborar na melloras das nosas bibliotecas escolares. Por exemplo coa Escola de Biblioteconomía da Universidade da Caruña (campus de Ferrol) para que ese alumnado poida realizar prácticas das bibliotecas escolares.


Compromiso cos documentalistas dos Centros de Formación


Habida conta da imposibilidade material de cumprir os apartados d) do art.8 e o g) do punto 2 do art.15 do decreto 245/1999 polo que se regula a formación permanente do profesorado cando se fala do servicio de documentación a facilitar polos Centros de Formación e polos seus asesores, cómpre que o cadro de persoal destes centros de formación conten cun bibliotecario-documentalista para que realmente poida desenvolver a función de documentalista en educación.

Condicións para formar parte do Plano


Solicitude polo Consello Escolar
Designación dun Responsable da Biblioteca
Voluntariedade para recibir formación ou demostración de xa tela recibida de forma tal que se garanta a competencia profesional do ou da responsable deste servicio.
Certificado polo Secretario/a do Centro da existencia dunha partida orzamentaria dedicada exclusivamente á Biblioteca
Elaboración dunha memoria do traballo realizado e que deberá incluír un Proxecto de Biblioteca Escolar que contemple cando menos os seguintes apartados:
-Obxectivos da Biblioteca
-Programación de actividades de Formación de Usuarios e Usuarias.
-Programación de actividades de Educación Documental.
-Programación de actividades de animación cultural e lectora.
Este proxecto de mellora será aprobado polo claustro e o consello escolar, e incluido nos proxectos pedagóxicos do centro e no orzamento anual.

 

concepto de biblioteca escolar | plano de mellora | temporalización | avaliación


Copyright Agabel.net© 2001
Tódolos dereitos reservados