.

EQUIPAMENTO

Para coñecer a situación actual e real das nosas bibliotecas escolares, ademais da experiencia dos membros de AGABEL, contamos co estudio "Situación actual de las bibliotecas escolares en España" elaborado por ANABAD (Asociación Nacional de Archiveros, Bibliotecarios, Museólogos y Documentalistas) e FESABID (Federación Española de Sociedades de Archivística, Biblioteconomía y Documentación). O estudio foi elaborado para servir como punto de partida para o I Encuentro Nacional de Bibliotecas Escolares (Madrid, marzo de 1997) baixo a coordinación xeral de Mónica Baró e Teresa Mañá.

 

 

 



Deste estudio podemos salientar que as nosas bibliotecas teñen unha colección documental escasa (só superan os 5.000 documentos o 33% dos centros), o fondo documental non é equilibrado (en E. Infantil e Primaria un 70 % do fondo é de literatura e só un 30% é de fondo informativo cando as porcentaxes deberían ser ó revés), é moi vello (nunca se fan expurgos, polo que o número de documentos "utilizables" é menor do sinalado anteriormente), incorpóranse anualmente á colección documental unha media de 150 documentos (moitos deles por doazóns de escaso interese para unha biblioteca escolar), está mal e escasamente organizada tecnicamente. O fondo documental nos centros de Secundaria está emprazado normalmente en andeis con portas -equipamento enviado pola Consellería- e que, polo tanto, impiden o acceso directo, cuestión de suma importancia para achegar fisicamente o documento ós usuarios e usuarias.

Aquí cómpre facer un comentario puntual. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo cando equipa unha biblioteca ou unha axencia de lectura adquire equipamento normalizado para bibliotecas, é dicir, un tipo determinado de mobiliario (estanterías abertas, tanto por diante como por detrás, con baldas movibles e cun canle frontal para introducir rótulos, un mostrador, mesas axeitadas para a lectura, etc). Namentres a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria envía ós centros unha andeis pechadas, por diante cunha porta e por detrás cun taboleiro, mesas que impiden o traballo en grupo, que non facilitan o traballo individual, sen mostrador, é dicir, non envía un mobiliario axeitado e variado para as diversas funcións que se deben desenvolver nunha biblioteca escolar. ¿Por que reciben este trato discriminatorio os compoñentes da colección documental da Consellería de Educación fronte ós da Consellería de Cultura?

As nosas bibliotecas raramente teñen uns orzamentos superiores ás 250.000 pesetas e moi frecuentemente, fundamentalmente en Infantil e Primaria, non superan as 50.000 pesetas. Nos centros de Infantil e Primaria teñen un horario de apertura que non adoita superar as 20 horas semanais, namentres que nos de Secundaria non supera, como media, as 30 horas.

Para os centros de nova creación a Consellería de Educación non contempla unha partida orzamentaria de seu para iniciar a colección inicial das respectivas bibliotecas, cousas que en determinados anos si contemplara. Xa quedou dito que o mobiliario que envía non é o máis apropiado.

Así mesmo é moi frecuente que nos nosos centros escolares a biblioteca non teña un orzamento de seu, que non estea integrada no Proxecto Educativo de Centro nin no Proxecto Curricular de Centro e, por suposto, que traballe sen relación algunha cou algunha outras bibliotecas (públicas ou escolares).

lexislación | instalacións | equipamento | formación e recursos | comparándonos | conclusión|

Copyright Agabel.net© 2001
Tódolos dereitos reservados