Make your own free website on Tripod.com
 



 

.

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES NA NORMATIVA EDUCATIVA DE GALICIA

A lexislación galega sobre Bibliotecas Escolares (consúltese o ANEXO sobre o tema en cuestión) está recollida na Lei 14/1989 de Bibliotecas e nos Decretos e Ordes que regulan o funcionamento dos centros educativos de ensino non universitario.

Sobre a Lei de Bibliotecas de Galicia, debemos afirmar que non foron asinados os convenios de colaboración entre as consellerías de Cultura e Educación previstos. Estes convenios deberían ter por obxectivo garantir que as bibliotecas escolares puideran ser gozadas pola comunidade escolar galega. Neste senso denunciamos o incumprimento do punto 2 artigo 12 da Lei 14/1989.

 

 

 



En canto á normativa educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, débese distinguir, en primeiro lugar, o diferente tratamento normativo entre o ensino infantil e primario fronte ó secundario. Nas dúas primeiras etapas educativas a biblioteca escolar practicamente non existe. Si fica constancia da tarefa que ten un docente de "organiza-la utilización da biblioteca do centro" contando para iso só coa posible colaboración daquela ou aquelas persoas que non completen o seu horario lectivo. En ningún caso se fala de en qué consiste organiza-la biblioteca, qué formación terá/deberá ter a persoa responsable da biblioteca e nin con que recursos disporá.

Pola contra a normativa galega para secundaria de 1997 (Orde do 1 de agosto) recolle toda unha chea de funcións para a persoa responsable deste servicio educativo. ¿Por que esta diferencia? ¿Son máis importantes, polo seu desenvolvemento normativo, as bibliotecas escolares de secundaria cás de primaria e infantil? Ou ¿é que os docentes de infantil e primaria supostamente teñen unha formación xeneralizada en biblioteconomía e documentación polo que non cómpre elaborar unha normativa sobre o funcionamento e normalización das súas bibliotecas?

Ademais a normativa de secundaria sobre as bibliotecas escolares (a referida Orde do 1 de agosto) é practicamente idéntica a outra do Ministerio de Educación y Ciencia de 1994 (Orde do 29 de xuño de 1994 "por la que se aprueban las instrucciones que regulan la organización y funcionamiento de los institutos de Educación Secundaria", BOE do 5-VII-94). Comparando as ordes ministeriais e da Consellería obsérvase a práctica igualdade, pero destaca a supresión na galega da reducción dunha hora lectiva para atender á biblioteca que si concede o Ministerio. Pero o máis grave de todo é que o MEC tamén naquel ano fixo pública a súa normativa sobre a responsabilidade e funcionamento das bibliotecas escolares de infantil e primaria (Orde do 29 de xuño de 1994 "por la que se aprueban las instrucciones que regulan la organización y funcionamento de las escuelas de educación infantil y de los colegios de educación primaria, BOE do 6-VII-94)). Con isto non estamos a criticar a aplicación das competencias educativas da Xunta de Galicia, senón que desexamos salientar que se a normativa ministerial foi un paso adiante no regulamento deste servicio educativo e así o debeu considerar a nosa Consellería de Educación para o ensino secundario, parécenos incomprensible que, como mínimo non se dera a mesma importancia/regulamentación ó ensino infantil e primario.

Polo tanto no referente as bibliotecas en Educación Infantil e Primaria debemos denunciar:
1.- O escaso regulamento normativo sobre as mesmas.
2.- O practicamente nulo horario de dedicación da persoa responsable.
3.- A nula esixencia de formación en biblioteconomía e documentación para o responsable.

No referente ó marco normativo da secundaria, consideramos como un avance con respecto á normativa anterior, a Orde do 1 de agosto de 1997, non obstante atopamos demasiadas eivas como para considerala suficientemente positiva.

En primeiro lugar fálase de que "a organización, o funcionamento e o horario da biblioteca do instituto" formará parte do programa anual de actividades complementarias e extraescolares, así como que o docente encargado da biblioteca tamén formará parte do citado departamento. Manifestamos o noso desacordo xa que o servicio bibliotecario debe ser considerado como un departamento máis dos centros educativos e non como un engadido ó departamento de actividades complementarias e extraescolares.

En segundo lugar, o responsable da biblioteca e do servicio de documentación será designado "de entre os que manifeste o seu interes", é dicir, preferentemente un voluntario. Este voluntario non ten que elaborar un proxecto de biblioteca, non ten garantida a súa continuidade (a designación é por un curso). As persoas que vivimos nos centro sabemos que "voluntario" significa "o docente que sobre" ou aquel docente que por determinados problemas a Inspección/Dirección ten/teñen a ben responsabilizalo da Biblioteca. Para nada se fala do docentes cunha mínima formación en biblioteconomía e/ou documentación. ¿Para que serve a voluntarismo sen formación?, na nosa profesión ¿debemos falar de voluntarismo ou de profesionalización?

As funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Educativa determina para o responsable deste servicio, son aceptables. Poderían determinarse outras pero ¿con que formación se conta para desempeñalas? E ¿con que tempo se dispón para levalas a cabo? Segundo a nosa normativa educativa destinaranse a este servicio "tódalas horas complementarias, excepto a de reunión de seminario". É dicir 4 horas. 4 horas para:
"a) Asegura-la organización, mantemento e axeitada utilización dos recursos documentais e da biblioteca do centro.
b) Atende-los alumnos que utilicen a biblioteca, coa axuda dos profesores que teñan asignadas horas de atención a ela, facilitándolle-lo acceso ás diferentes fontes de información e orientándoos sobre a súa utilización.
c) Difundir, entre os profesores e os alumnos, información administrativa, pedagóxica e cultural.
d) Colaborar na promoción da lectura como medio de información, entremento e lecer.
e) Recolle-las propostas e trasladalas a dirección de compra de novos materiais e fondos para a biblioteca.
f) Calquera outra que se poida establecer no regulamento de réxime interior do centro."

¿Falamos dun responsable dunha biblioteca escolar ou dunha persoa de elevadísimas capacidades intelectuais e cunha impresionante rapidez no seu traballo que con escasa dedicación horaria pode desenvolver múltiples funcións?

Todo nos leva a afirmar que, normativamente, non existen bibliotecas escolares en Galicia.

lexislación | instalacións | equipamento | formación e recursos | comparándonos | conclusión|


Copyright Agabel.net© 2001
Tódolos dereitos reservados