.

UNHA RESPONSABILIDADE DE TODOS

Se a situación, a penosa situación, das nosas bibliotecas escolares non é a máis recomendable, non é tan só responsabilidade da entidade coa titularidade dos centros educativos, é dicir, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, principal culpable. Debemos recoñecer que a comunidade educativa non demanda este servicio.



En boa medida os docentes teñen/temos prácticas metodolóxica anquilosadas en parámetros decimonónicos. Unhas prácticas metodolóxicas que, por moi dependentes dos libros de texto, non demandan a multiplicidade de recursos documentais que deberían existir nas bibliotecas escolares ¿Temos estratexias e prácticas metodolóxica desfasadas por falta de recursos? ou ¿por ter carencia de recursos temos prácticas metodolóxicas desfasadas? ¿Que foi antes o ovo ou a galiña? Debate estéril. Ofertemos unha boa biblioteca, un bo centro de documentación con información variada, equilibrada, actualizada, en múltiples soportes e veremos como medra o uso/necesidade das bibliotecas. E veremos como os claustros docentes deixan de ser reticentes á dedicación horaria dos compañeiros/as responsables da bibliotecas. E veremos como os claustros e os consellos escolares demanda e apoian a mellora deste servicio.

Se coñecemos as estatísticas que afirman que moitos rapaces e rapazas a única biblioteca que visitan/empregan é a escolar, ¿non paga a pena que esta sexa a mellor posible?

Se sabemos que en torno ós doce-catorce anos a cantidade de lecturas realizados polos nenos e nenas redúcese ¿non debemos fomentar o aumento/mantemento deste hábito, desta necesidade humana tan vital como é a lectura?

Se somos conscientes que non tódalas familias teñen os recursos necesarios para ter nas súas vivendas os apoios documentais (enciclopedias, diccionarios, equipamento informático, etc) que cómpre para o mellor desenvolvemento académicos dos seus fillos e fillas, ¿non serán as bibliotecas escolares factores fundamentais para equilibrar o acceso á información dos alumnos e alumnas, elementos claves na democratización para o acceso á información?

Os sindicatos docentes pouco teñen traballado pola bibliotecas escolares. Non teñen demandado a mellora das bibliotecas escolares. Cando fixeron algún tipo de posicionamento ó respecto era por un motivo, en principio, secundario. Debemos reclamar/convencer ós nosos representantes sindicais un maior compromiso coas bibliotecas escolares

As Asociacións de Pais e Nais de alumnos e alumnas ata hoxe non demandaron este servicio nos termos que cumpriría facelo. Debemos convencelas de que inicien/aumenten o seu apoio ás demandas que formulamos.

As administracións locais non teñen competencias nas tarefas educativas dos centros de ensino. Sen embargo, coñecemos experiencias de varios concellos galegos que teñen destacado polo seu apoio ás bibliotecas escolares: con persoal bibliotecario municipal nos centros de ensino, abrindo ás bibliotecas ós barrios, elaborando planos de apoio con formación e dotacións económicas e materiais. Desgraciadamente son situacións moi puntuais.

Os partidos políticos e os grupos parlamentarios do Parlamento Galego practicamente non se teñen preocupado polas bibliotecas escolares. Pódese destacar como unha excepción a iniciativa do grupo socialista do 11 de novembro de 1999 para que se oferten nos catálogos dos centros escolares, entre outras, a praza de biblioteca.

Reclamamos formalmente da Consellería de Educación o inicio dunha política destinada a mellorar normativamente, economicamente, informaticamente, formativamente, etc a situación das súas bibliotecas escolares.


Copyright Agabel.net© 2001
Tódolos dereitos reservados