A sociedade contemporánea baséase na información
como canle de acceso á construcción
do coñecemento e a escola debe contemplar entre os seus obxectivos
a formación do seu alumnado
na recollida, selección recuperación, elaboración
e transmisión da mesma.
A Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo (LOXSE) e as disposicións
que a desenvolven, conscientes desta realidade, recollen explícitamente
nos diferentes currículos, contidos que abordan o manexo das
diferentes fontes de información así como a formación
lectora dos seus alumnos e alumnas. A biblioteca escolar ten un papel
destacado nesta función, pero que se poida desenvolver ou non,
pasa polo establecemento dunha concepción da biblioteca como
centro de recursos multimedia que pon a disposición da comunidade
educativa todo tipo de material independentemente do soporte no que
se presente e aporta posibilidades para abordar o ensino dun xeito innovador.Entendida
deste xeito, a biblioteca tería entre outras, as seguintes funcións:
Satisfacer as necesidades educativas, culturais, de ocio, formación
e información de toda a comunidade escolar e aportar posibilidades
para abordar o ensino dun xeito diferente, atendendo tamén ás
necesidades de servicios e materiais específicos para aquelas
persoas que non poidan empregar as canles ordinarias de acceso á
información.
Crear e fomentar o gusto pola lectura de todo tipo de linguaxes e en
todo tipo de soportes así como o hábito de uso das bibliotecas
escolares, municipais,...- e de calquera outro servicio de información.
Crear a necesidade de vivir informados, do xeito máis obxectivo
posible, para poder exercer a nosa liberdade individual e como colectivo
nunha sociedade democrática.
Formar e orientar na búsqueda, recuperación, análise,
e elaboración da información. Trátase, en definitiva,
de proporcionar estratexias para aprender a aprender, promovendo o pensamento
crítico e a actitude reflexiva así como a expresión
e a creatividade.
Actuar como elemento compensador das desigualdades de orixe social,
potenciando o acceso aos recursos e á información daqueles
nenos e nenas que non dispoñen dos mesmos no seu
entorno.
Evidentemente, desenvolver estas funcións só é
factible se:
As bibliotecas escolares dispoñen dun marco lexislativo, que
defina o seu lugar no marco educativo, e de políticas específicas
que apoien o seu desenvolvemento.
Son consideradas como un departamento máis dos que integran a
estructura organizativa do centro, con entidade e proxecto propios integrados
nos documentos programáticos e de xestión do centro. Este
departamento estaría integrado por un responsable un docente
con formación específica e permanente e por unha comisión
na que estarían representados os diferentes departamentos, ciclos,
niveis e áreas así como o alumnado e familias.
A
administración educativa garantiza que o docente responsable
da biblioteca teña, para desenvolver as súas función,
o 50% do seu horario lectivo e complementario, con tendencia a unha
dedicación exclusiva.
Todo
o material documental pasa pola biblioteca para o seu rexistro e catalogación
independentemente do seu lugar de ubicación definitiva. Asimesmo,
e en aras dunha maior racionalización e optimización dos
recursos, toda compra de material didáctico de calquera
departamento debería ser aprobada pola Comisión da Biblioteca.
Conta cun fondo documental adecuado e actualizado así como con
instalacións e equipamentos apropiados ás súas
funcións, que aseguren o libre acceso aos fondos por parte dos
usuarios. Isto supón a necesidade dunha dotación inicial
pero tamén dunha dotación económica permanente
que, segundo as recomendacións internacionais, debería
supór, como mínimo o 10% do presuposto total do centro.
Dispón
dun espacio axeitado e de fácil accesibilidade, nunca inferior
ao 0,5% do espacio útil do centro educativo segundo as recomendacións
da UNESCO de 1979.
O
horario de apertura da biblioteca cobre, como mínimo, a xornada
lectiva e, nos centros de ensino primario, as horas de denvolvemento
de actividades extraescolares.
Como
elo final, solicitamos que os gobernos, a través dos seus responsables
políticos, elaboren estratexias, políticas e programáticas
que permitan aplicar os enunciados do Manifesto da biblioteca escolar
da UNESCO / IFLA.
|